A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, das universidades, na súa nova redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), pola que se modifica a anterior, define a estrutura dos ensinos universitarios en tres ciclos: grao, mestrado e doutoramento, e establece o marco normativo para a mellora da calidade en todas as áreas da actividade universitaria.

1. Criterios e directrices

Os criterios e directrices para a garantía de calidade no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), establecidos por ENQA (European Association for Quality Assurance in Higher Education), a través dos seus membros e das entidades colaboradoras en 2005, marcan o primeiro paso para o establecemento dun conxunto de valores, expectativas e boas prácticas relativos á calidade e a súa garantía ampliamente compartidos entre as institucións e axencias do EEES.

Os Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC), ao formar parte dos novos plans de estudos, son, así mesmo, o fundamento para que a nova organización dos ensinos funcione eficientemente e para crear a confianza sobre a que descansa o proceso de acreditación de títulos.

Ademais, establece o marco xeral de regulación dos procesos de verificación, seguimento e acreditación aos que se someterán os ensinos universitarios como mecanismos que contribúen ao fomento da excelencia.

Con posterioridade, publícase o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan os ensinos oficiais de doutoramento, correspondentes ao terceiro ciclo, que derroga ou modifica determinados capítulos do Real decreto 1393/2007.

 

Estes procesos, ademais, deben considerar as esixencias que, en materia de calidade, establece o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, polo que se regulan os ensinos universitarios oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido na normativa universitaria aplicable, principalmente os Estatutos da Universidade de Vigo e o Regulamento de estudos oficiais de doutoramento (aprobado en Consello de Goberno de 20/07/2012).

A Calidade nos Programas de Doutoramento

2.1 Fundamentos

O deseño e desenvolvemento do sistema de garantía interna de calidade (SGIC) dos programas de doutoramento regulados polo RD 99/2011 fundaméntanse en:

  • A consideración de todas as esixencias, criterios e directrices mencionadas no epígrafe anterior (1.)
  • A experiencia e o coñecemento adquiridos a través dos procesos de deseño, verificación, implantación e certificación dos SGIC aplicables ás titulacións de grao e mestrado universitario.

A referencia para a aplicación destes principios é a memoria de verificación do programa de doutoramento.

A aplicación de todo iso permite establecer o sistema de garantía de calidade para os programas de doutoramento como común a todos os programas adscritos á Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) da Universidade de Vigo.

Este deseño do SGIC permitirá beneficiarse de sinerxías comúns, tales como:

  • O aumento da eficacia e a eficiencia na consecución de obxectivos e metas
  • A simplificación e redución da documentación e dos rexistros de calidade
  • A redución dos recursos e tempo ineficaz dedicado á realización dos procesos definidos nos procedementos de calidade
  • A mellora da percepción e de involucrarse nos distintos grupos de interese

No caso dos programas de doutoramento interuniversitarios, establecerase un convenio entre estas de forma que se asegure:

  • A identificación do SGIC da universidade de referencia, que será utilizado e aplicado por todas as universidades participantes no marco do programa.
  • Excepcionalmente e cando existan procesos de funcionamento que non permitan realizarse baixo as directrices do SGIC de referencia nalgunha das universidades participantes, definirase cales son os procedementos que os suplen.

2.2 Estrutura organizativa e de responsabilidade do SGIC

Órganos, unidades ou persoas responsables de xestionar, coordinar e realizar o seguimento SGIC

A natureza e funcionamento da EIDO da Universidade de Vigo establécense no seu Regulamento de Réxime Interno.

A responsabilidade do SGIC dos programas de doutoramento recae fundamentalmente en catro órganos de xestión:

  1. Comisión Académica do Programa de Doutoramento

O RD 99/2011 establece que a Comisión Académica de cada Programa de Doutoramento (CAPD) é a responsable da súa definición, actualización, calidade e coordinación, así como do progreso da investigación, da formación e da autorización para a presentación das teses do alumnado.

A estrutura, composición, competencias e funcionamento están establecidos no regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Vigo (aprobado en Consello de Goberno do 20/07/2012).

Especificamente, en materia de calidade, ten como función principal xestionar, coordinar e realizar o seguimento do SGIC, dentro do seu propio marco.

A composición da Comisión Académica do Programa de Doutoramento:

Coordinadora: Ana Belén Fernández Souto

Secretaria: M.ª Isabel Míguez González

Vogal: M.ª Dolores Dopico Aneiros

Vogal: Jose Luis García Soidán

Vogal: Vicente Romo Pérez

Vogal: Josefina Garrido González

Vogal: Monstserrat Vázquez Gestal

Vogal: Patricia Valcárcel Fernández

Vogal: Juan Picos Martín

  1. Comité de Dirección da Escola de Doutoramento

O Real decreto 99/2011 establece que as escolas de doutoramento contarán cun comité de dirección que realizará as funcións relativas á súa organización e xestión.

En complemento do establecido no Real decreto 99/2011, a súa composición, normas de organización e funcionamento defínense no Regulamento de réxime interno.

O Comité de Dirección da Escola de Doutoramento é o órgano principal responsable do SGIC dos programas de doutoramento, e comprometerase a participar no establecemento deste, así como no seu desenvolvemento, implantación, revisión e mellora.

  1. Comisión de Calidade da Escola de Doutoramento

A Escola de Doutoramento contará cunha comisión de calidade de doutoramento.

As normas de organización e funcionamento definiranse no marco do regulamento correspondente. No regulamento detallarase, polo menos, o proceso de constitución da Comisión, o método de renovación dos seus membros e o proceso que se debe seguir para a toma de decisións.

A Comisión de Calidade do Centro é un órgano colexiado, representativo dos distintos grupos de interese e das persoas implicadas na actividade dos programas, e constitúese para:

  • Propoñer a política e os obxectivos de calidade, así como garantir a súa implantación e control.
  • Validar o manual de calidade e os procedementos do SGIC do centro.
  • Realizar o seguimento dos distintos programas ligados á mellora da calidade no centro e nos programas adscritos, e propoñer as melloras pertinentes.
  • Debater, propoñer e realizar o seguimento das accións de mellora de calidade coa finalidade de potenciar continuamente a calidade dos programas en todos os medios e procesos que inflúen nela.
  • Intercambiar, debater e propoñer a participación en plans institucionais, nacionais e internacionais en materia de calidade.

A Área de Calidade poderá realizar tarefas de apoio e asesoramento técnico para garantir a coherencia coa política, a estratexia ou os obxectivos de calidade da Universidade de Vigo. Esta forma parte da Comisión como membro permanente a través dunha persoa que a representa.

  1. Coordinador/a de Calidade da Escola de Doutoramento:

A Comisión de Calidade da Escola de Doutoramento contará cunha persoa coordinadora de calidade, designada polo Comité de Dirección da Escola.

A designación, funcións, competencias e autoridades do coordinador ou coordinadora de calidade definiranse no marco do regulamento correspondente.

O coordinador de calidade é un axente dinamizador nesta materia no marco da Escola de Doutoramento.

En complemento destas funcións, todo o persoal da Escola de Doutoramento cuxas funcións teñan relación cos procedementos do SGIC, estarán implicadas na aplicación da política e obxectivos de calidade, e serán cada unha delas responsable da implantación no seu campo de actividade específico.

No caso de programas de doutoramento interuniversitarios, a estrutura organizativa e de responsabilidades descrita considerará o que se estableza no convenio de colaboración asociado.