O alumnado que desexe realizar este programa de doutoramento presentará a súa solicitude segundo determinen as normativas, procedementos e calendarios da Universidade de Vigo na convocatoria da matrícula anual.
Respecto da selección, seguiranse os principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade, e teranse en conta os seguintes criterios:

  • Currículo das persoas candidatas, con consideración dos estudos previos realizados.
  • Carta de solicitude, con mención expresa da súa motivación, na que o alumnado incluirá a xustificación persoal ou profesional que o leva a solicitar o seu ingreso, a súa motivación e compromiso temporal cos estudos mais a temática e liña de investigación que pretende realizar. Ademais, engadirá unha proposta preliminar (de catro a seis páxinas) do seu proxecto de tese de doutoramento, avalado por un investigador, que conterá os seguintes apartados: título, obxectivos, fundamentos teóricos, metodoloxía, referencias, cronograma (opcional) e un potencial índice da tese (opcional).
  • Outros méritos académicos e/ou profesionais

En calquera caso, a admisión e selección quedará restrinxida aos números de entrada fixados para o Programa de doutoramento, dentro do marco que se determine nas disposicións de orde superior ao respecto. Inicialmente establécense os seguintes criterios:

  • O currículo do alumnado candidato terá un valor mínimo do 70 %. A valoración dos expedientes terá en conta os valores medios das respectivas titulacións. Ademais do expediente académico e da nota do mestrado, valorarase especialmente a experiencia investigadora, a obtención de bolsas de investigación e a produción científica relacionada coa temática do programa.
  • A carta de solicitude xunto coa proposta preliminar do proxecto de tese de doutoramento terá un valor do 20%
  • Outros méritos académicos e profesionais, así como cartas aval de profesionais acreditados nos campos temáticos do programa de doutoramento, valoraranse ata un máximo do 10%.

Desglose da valoración de méritos das persoas candidatas

A Comisión Académica poderá realizar entrevistas persoais dos méritos alegados, de consideralo oportuno.

Esta arbitrará os mecanismos para garantir a presenza de alumnado nas seis liñas de investigación (véxase o apartado 5).

Ademais, poderá establecer novos criterios compatibles cos anteriores para concretar a aplicación dos principios e criterios enunciados.

Procedemento de admisión

O alumnado que reúna os requisitos de acceso e admisión poderán solicitar o ingreso neste programa de doutoramento, para o que se establecerá un prazo de preinscrición. Esta solicitude presentarase no lugar que sinale a convocatoria xeral da Universidade de Vigo.

Finalizado este prazo, a CAPD publicará a relación provisional de alumnado admitido, coa súa correspondente listaxe da espera, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa.

O alumnado non admitido poderá presentar unha reclamación no prazo e na forma establecidos na correspondente convocatoria. Unha vez transcorrido o prazo de reclamacións e xa resoltas, remitiráselle a relación do alumnado admitido ao órgano de xestión do alumnado correspondente, cos efectos de poder formalizar a súa matrícula no prazo sinalado. De non formalizar a súa matrícula, a persoa solicitante decaerá nos seus dereitos.

Tal e como indica a normativa, existen dous tipos de matrícula: a tempo completo e a tempo parcial. A Comisión Académica poderá autorizar estudos a tempo parcial que, neste caso, terán unha duración máxima de cinco anos, desde a admisión  ata a presentación da tese de doutoramento. A matrícula a tempo parcial deberá solicitárselle cada curso académico á CAPD mediante a achega dos documentos xustificativos.

Para a condición do doutoramento a tempo parcial teranse en conta motivos de carácter laboral, familiar ou persoal.

  • Os motivos de carácter laboral comprenderán, preferentemente, situacións de carácter fixo ou estable, contratos temporais prolongados no tempo ou outras situacións que considere a CAPD.
  • Os motivos de carácter familiar ou persoal incluirán, entre outras situacións, a de dependencia, coidado de maiores ou fillos discapacitados e familia con fillos en idade escolar e situacións de violencia de xénero.
  • O alumnado cun grao de discapacidade superior ao 33 %, se o solicita e llo xustifica documentalmente á CAPD.

O cambio de modalidade de matrícula poderase solicitar nos períodos de matrícula ordinaria, condicionada polo informe favorable da CAPD.

A Comisión Académica tamén poderá autorizar baixas temporais no programa, para o que se deberá presentar unha solicitude xustificada que será avaliada por esta.

Estas situacións serán, así mesmo, obxecto de consideración no plan de investigación do alumnado de doutoramento que se deberá adecuar a estas circunstancias.

Esta comisión guiarase polos correspondentes regulamentos do doutoramento das universidades.