O Programa de doutoramento Creatividade e Innovación Social e Sustentable adquire especial relevancia no contexto da investigación para axudar a crear novas sinerxías entre o persoal investigador e os grupos de investigación da Universidade de Vigo das diferentes áreas de coñecemento, máis tamén con outras universidades, o que abre novos campos de estudo transversais cun denominador común: a creatividade e a innovación social e sustentable. Á súa vez, representa unha oportunidade para o alumnado do doutoramento e os seus traballos de investigación que, nestes momentos, non atopan saída académica nos programas existentes.

Aínda que esta proposta é nova, o seu profesorado ten unha ampla bagaxe formativa no ámbito da investigación, froito da participación en diferentes programas de doutoramento e mestrados de investigación ofertados tanto pola Universidade de Vigo como por outras universidades nacionais e internacionais. Este feito queda reflectido nos seus méritos docentes e de investigación. Así mesmo, as persoas participantes compoñen diversos grupos de investigación con recoñecemento nas súas propias universidades.