O alumnado poderá proceder de diferentes titulacións compatibles cos obxectivos e ámbitos do Programa enfocados á creatividade e innovación social e sustentable desde a educación, saúde, deseño, gobernanza, comunicación e medio/recursos naturais.

En canto ao perfil de ingreso recomendado, daráselles prioridade ás persoas cun percorrido académico (licenciatura/grao e mestrado) harmónico coas áreas propias do profesorado do Programa de doutoramento. Decisión que será ratificada pola Comisión Académica deste programa.

Tamén é recomendable ter estudos previos en mestrados oficiais orientados aos mesmos perfís.

Así mesmo, é recomendable un bo coñecemento de inglés (polo menos, nivel B1) para o seguimento dalgunhas actividades formativas, como por exemplo: seminarios de investigación (seminario de comunicación escrita en inglés), presentacións de comunicacións, asistencia a congresos, sobre todo aos de carácter internacional, e a elaboración de publicacións en revistas.

O alumnado con título estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que se acredite un nivel de formación equivalente á do título oficial español de mestrado universitario e que o faculte no país expedidor do título para o acceso aos estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento doutros efectos agás o acceso a estes ensinos.

Deste xeito, o alumnado con título estranxeiro sen homologar requirirá para a plena validez da súa matrícula unha resolución de equivalencia outorgada polo reitor, logo de emitir os informes que regulamentariamente se establezan. Nesa resolución indicarase a denominación do título estranxeiro e o seu recoñecemento para poder cursar estes estudos. A equivalencia deberá solicitarse dentro do prazo que se estableza e acompañarase o título, co que se desexe acceder aos estudos de terceiro ciclo, cun certificado académico dos mencionados estudos no que conste: (a) as materias e os períodos académicos cursados e (b) que o título dá acceso no seu país aos estudos de doutoramento. Todo o anterior presentarase debidamente legalizado: orixinais e fotocopias para o seu cotexo ou fotocopias autenticadas polos servizos consulares ou embaixadas españolas. No caso de non ser o castelán o idioma de orixe, deberase acompañar tamén dunha tradución xurada da documentación anteriormente citada.

Na solicitude de admisión do alumnado tamén se incluirá a posibilidade de realizar simultaneamente a solicitude de equivalencia, en caso necesario. A CAPD valorará a adecuación académica dos estudos cursados pola persoa solicitante e figurará esta circunstancia na proposta de alumnado admitido no Programa.

As resolucións de equivalencia constarán no expediente do alumnado e poderanse certificar como calquera outro extremo deste.

Poderase recoller que os informes emitidos para situacións semellantes sirvan como precedentes. Nestes casos, non será necesaria a realización de novos informes.

O alumnado poderá matricularse sen esperar á resolución da equivalencia, pero a validez da súa matrícula quedará condicionada a esta declaración.

O acceso do alumnado estranxeiro estará determinado cada ano pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD), con anterioridade aos prazos de preinscrición.