Perfil de ingreso
Os/as estudantes poderán proceder de diferentes titulacións compatibles cos obxectivos e ámbitos do programa enfocados á creatividade e innovación social e sostible desde a Educación, Saúde, Deseño, Gobernanza, Comunicación, e Medio/Recursos Naturais.
En canto ao perfil de ingreso recomendado, darase prioridade ás persoas cun percorrido académico (licenciatura/ grao e mestrado) harmónico coas áreas propias do profesorado do Programa de Doutoramento: esta decisión ha de ser ratificada pola CAPD. Tamén son recomendables estudos previos en mestrados oficiais orientados aos mesmos perfís. Considéranse compatibles as titulacións de grao ou licenciatura en Bioloxía, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria, Xeografía e Historia, Xeografía e Ordenación do Territorio, Ciencias do Mar, Química, Belas Artes, Dereito, Dirección e Xestión Pública, Enxeñaría Forestal, Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual, Ciencias da actividade física e do deporte, Educación Infantil, Educación Primaria, Medicina, Fisioterapia, Enfermaría, Psicoloxía, así como os mestrados universitarios en Libro ilustrado e animación audiovisual, Arte Contemporánea, Creación e Investigación e Deseño e dirección creativa en moda.
Tamén son recomendables estudos previos en mestrados oficiais orientados aos mesmos perfís.
É así mesmo recomendable un bo coñecemento de inglés (polo menos nivel B1) para o seguimento dalgunhas actividades formativas por exemplo os seminarios de investigación (seminario Comunicación escrita en inglés), a presentación de comunicacións e asistencia a congresos, sobre todo naqueles de carácter internacional, e a elaboración de publicacións en revistas.
Procedemento de admisión
Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de mestrado universitario, ou equivalente, sempre que se superaran, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto destes dous ensinos.
Así mesmo, poderá acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:
- Estar en posesión de títulos universitarios oficiais españois ou títulos españois equivalentes sempre que se superaran, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto destes ensinos e acreditar un nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior. O alumnado con título de mestrado español e título de grao non español poderá acceder os estudos de doutoramento aínda non acadando os 300 ECTS ou cinco cursos de duración conxunta dos seus estudos universitarios oficiais.
- O alumnado en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que, sen necesidade da súa homologación, acredite un nivel 7 do Marco Europeo de Cualificacións en tanto que o devandito título faculte para o acceso aos estudos de doutoramento no país de expedición daquel. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso aos ensinos de doutoramento.
- O alumnado en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros alleos ao EEES poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sen necesidade da súa homologación e previa comprobación pola Universidade de Vigo de que este acredita un nivel de formación equivalente á do título oficial español de mestrado universitario que faculta o acceso aos estudos de doutoramento no país de expedición do título. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de doutoramento.
- Estar en posesión doutro título de Doutora ou Doutor.
- Igualmente poderán acceder as persoas tituladas universitarias que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, tivesen superado con avaliación positiva alomenos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.